Menu

viernes, 11 de enero de 2013

A carruaxe máxica da princesa do reino da Terra do Oeste.


Un conto adicado a cuncha máxica de alicia, escrito por Emilio Cambeiro.
colgante de acibeche, cobre, prata e coral.

Contan as vellas historias que no reino das Terra do Oeste, hai moitos moitísimos anos vivía unha pequena e linda princesiña. Á pequena princesiña gustáballe moito rir e xogar no grandísimo castelo do seu pai, o rei, e así anosa pequerrechiña amiga pasaba o día todo a sorrir e todos dicían dela que era moi moi boa, e todas as persoas do reino estaban profundamente namoradas do seu sorriso, o máis fermoso sorriso de todo o mundo.
Unha tarde de verán, estando a princesiña a xogar cuns amiguiños, o rei achegouse a ela, pois tiña algo moi importante que lle dicir á pequena. O rei colleuna nos seus fortes brazos e lle dixo: -Ven comigo princesiña, téñoche que amosar algo moi importante.- A pequena non imaxinaba que o que seu pai lle ia ensinar cambiaría para sempre a súa vida.
O rei levouna ao máis alto do castelo, ao mirador da Torre de Todos os Mares, a torre máis alta e máxica de todas as torres que se recordan. Desde o alto da Torre o rei e a princesa podían ver o inmenso mar que rodeaba ao reino das Terras do Oeste. Sentaron a mirar o mar e agardar á chegada da noite, das estrelas e máis da lúa, pois o que o pai lle tiña que amosar só podería ser coa chegada da noite.
Cando a noite escureceu e terra o rei apoiouse na ventá da alta torre e lle dixo á princesiña que mirara para a lúa, a cal estaba completamente chea. A princesiña mirouna completamente fascinada. Mais pasados uns minutos á princesiña pareceulle ver algo que baixaba da lúa. O rei sorriu e díxolle: Mira miña nena. Xa chega o noso carro.- E en efecto, do máis alto da lúa estaba baixando o carro máis fermoso xamais visto por ninguén, tirado por quince cabalos máxicos da cor da lúa e levado por un cocheiro todo vestido de vermello.
A princesiña quedou completamente sorprendida sen imaxinar nunca a cousa máxica que estaba a ver. Un máis fermosísimo carro negro voante que nunca vira ninguén! O carro máxico achegouse á torre e o señor cocheiro do traxe vermello, facendo unha reverencia, abriulles a porta do carro ao rei e máis á princesiña. Estes montaron no carro que rapidamente comezou a voar tirado polos quince cabalos máxicos e guiados polo cocheiro.
O rei e máis a princesa a voaron por riba da terra toda en dirección ao mar, mentres o rei lle ia contando á pequena a historia do carro e da cuncha máxica. Mira pequena. -Comezou a falar o rei.- A nosa familia remóntase aos anos do comezo dos mundos. Naquela época a fada da lúa achegouse no precioso carro tirado por cabalos máxicos á Terra do Oeste. Alí faloulle ao rei que precisaba da súa axuda, pois era preciso que alguén se encargara dun dos traballos máis importantes para o bo funcionamento da terra, o de facer que o mar baixara e subira pouco a pouco cada seis horas, para así axudar a que os ríos verteran as súas augas no mar e que este tivera cada vez máis e mellor auga.Para iso era preciso voar cada noite de lúa chea sobre os mares e achegar ás augas o amuleto máxico. – Nese momento a princesiña lle preguntou ao pai: Mais de que amuleto estás a falar?- aí o rei sacou da súa roupa un precioso e máxico colgante en forma de cuncha negra, o cal comezou a brillar como nunca antes brillara ningunha xoia do mundo enteiro.
Mira pequeniña. – dixo o rei.- Este é o amuleto que garda a nosa familia desde hai moitísimos anos. Somos os responsables de facer que a marea suba e baixe, e para iso a fada da lúa axúdanos mandándonos a noite de lúa chea ao máis alto da Torre de Todos os Mares o seu carro máxico tirado polos quince fermosísimos cabalos da lúa. -Nese momento o rei colleu a man da princesa e pousou sobre ela o máxico colgante mentres lle dicía.-E de agora en diante miña nena, ti serás a responsábel de que o amuleto continúe a facer o seu traballo.
Desde ese día en diante hai moitas persoas que contan que os días de lúa chea desde a mesmísima costa do reino da Terra do Oeste, se miras ben forte e con moitas ganas cara o ceo, pódese ver un fermosísimo carro máxico tirado por quince cabalos da cor da lúa e guiados por un cocheiro de traxe vermello surcando as estrelas todas, mentres no interior do carro unha pequena princesiña co sorriso máis lindo do mundo, saca da súa roupa o máis fermoso e brillante amuleto. O amuleto da cuncha negra.

Emilio Cambeiro. 11-1-2013.







No hay comentarios:

Publicar un comentario